Este libro busca achegar a todos os públicos, aínda que especialmente aos nenos, a figura polifacética de Emilia Pardo Bazán a través de momentos da súa apaixonante vida. Sorprenderanos a nena curiosa e gran lectora, a muller namorada e independente e a autora de carácter, rebelde ao rol que se esperaba de toda dama nun ambiente social e familiar privilexiado. A través da lectura, o estudo e unha capacidade de traballo infinita, conseguiu ser recoñecida no seu tempo sobrepoñéndose, en non poucos momentos, ao desdén de moitos compañeiros e académicos mentres era recoñecida, nacional e internacionalmente, por público e crítica.
A ilustración, creada cunha particular utilización de técnicas tradicionais que combinan debuxo e cores acrílicos de gran forza, inspírase e apoiase, ademais de nos textos sinxelos e ben documentados de María Canosa, en fotos e noticias da época, así como en monumentos e edificios que aínda existen hoxe, buscando recrear o ambiente e lugares que frecuentou a autora cunhas imaxes moi recoñecibles e atractivas.
MARIA CANOSA
María Canosa (Cee, 1978) é enxeñeira de Camiños, Canais e Portos, profesión que leva compartindo desde sempre coa de escritora. Hai máis dunha década que é articulista no xornal «La Voz de Galicia» e colaborou en varios programas de debate da Radio Galega e Radio Voz. Desde hai anos desenvolve o papel de «experta en letras» en distintos concursos televisivos de corte cultural, como «Cifras e letras», «Verbas van» ou «Coma un allo». É autora dunha extensa obra narrativa infantil e xuvenil, iniciada con «Bramido maino» e «A pedra de seixo», publicadas en 1997, e continuada por títulos como «O Papaventos de Laura» (2011); «Xiana, a nena pirata» (2012); «Druidas» (2014); «Rubicundo» (Xerais 2015), finalista do Premio Merlín 2014; «O día que choveu do revés» (Xerais 2016); «A cazadora de estrelas» (Xerais 2017), finalista do Premio Merlín 2015 e 2016, «Muriel» (Xerais 2017), Premio Merlín 2017, «Unha fábrica de bicos» (Xerais 2020), álbum ilustrado por Dani Padrón, «As pombas de Bastián» (Xerais 2021) e «Muriel. Caos no laboratorio lácteo» (Xerais 2023). En 2023 publica na colección Merlín a biografía infantil «Luísa Villata. Melodía de palabras». Como narradora publicou «Faíscas» (2009), «DisParo» (2016), «Non é París» (2016), «Cando cae a luz» (2016) e «O lado do que dormes» (Xerais 2019). É autora, ademais, do libro de poemas «Ronca o mar» (2011), Premio Avelina Valladares.
Ver ficha de MARIA CANOSA »